
A Federación Galega de Esquí Náutico e Wake (FGEN) anuncia a celebración da Exhibición Náutica Cidade da Coruña, que terá lugar o vindeiro 22 de novembro de 2025 no entorno da Marina Coruña, dentro do marco do A Coruña Nautical Festival.
A organización do evento foi acordada nunha reunión celebrada o pasado martes, na que participaron Alfonso Rey, representante da sección de wake da Federación Galega, Zulema Padro, en representación do Marítimo de Vigo, e Manolo Seoane, responsable da Semana Acanca. Xunto con Jacobo Pereira, presidente da FGEN, definíronse os principais detalles desta exhibición que busca achegar á cidadanía o mundo dos deportes náuticos.
A exhibición incluirá demos espectaculares de wakeboard, wakesurf e Dragon Boat 22, contando coa participación de deportistas galegos de referencia. Será unha xornada gratuíta e aberta ao público, orientada tanto a afeccionados como ao público xeral.
O evento conta co apoio institucional do Concello da Coruña, Turismo da Coruña, Deporte Galego, a Xunta de Galicia, así como da Marina Coruña e empresas colaboradoras como Gadis, Vanguard, ATX Surf Boats, entre outras.
Desde a Federación agradecemos o compromiso e implicación de todas as entidades participantes, e convidamos a toda a veciñanza a gozar dunha auténtica festa náutica na cidade herculina.