Categorías
Uncategorized

A Federación Galega de Esquí Náutico pon en marcha un plan de revisión e posta a punto dos campos de slalom

A Xunta Directiva da Federación Galega de Esquí Náutico (FGEN) aprobará nas vindeiras datas un plan de revisión, reparación e posta en marcha dos campos de slalom existentes ao abeiro da federación, coa finalidade de garantir a súa dispoñibilidade en condicións óptimas para os clubs adscritos.

En primeiro lugar, a FGEN recibiu recentemente comunicación do Club Náutico San Telmo sobre a realización de obras nas súas instalacións. Aproveitando esta circunstancia, revisarase a parte do campo de slalom existente neste club, cedido pola Federación Galega de Esquí Náutico no ano 2009, co obxectivo de verificar o estado do seu hardware, boyas e elementos de fondeo, e deixar o trazado en perfecto estado de uso.

Así mesmo, revisaranse tamén dous campos de slalom actualmente almacenados na sede da FGEN, xunto cun cable completo que igualmente pertence á Federación Galega. A intención é recuperar, completar e montar estes elementos de maneira que se poida contar con, cando menos, tres ou catro campos de boyas totalmente operativos, con todo o seu xogo de boyas e compoñentes en correcto estado de funcionamento.

Cómpre lembrar que a Federación Galega de Esquí Náutico iniciou xa no ano 2007 unha aposta estratéxica pola adquisición de campos de slalom. Entre aproximadamente 2006 e 2008 adquiríronse dous campos en California e, posteriormente, construíronse dous campos adicionais en Galicia coa colaboración de Javier Pamies. Co plan que agora se impulsa, búscase precisamente revisar, reparar e poñer de novo en marcha estes catro campos de slalom: os dous que se atopan na sede da FGEN e os dous restantes cedidos no seu día a federados e clubs.

Con esta actuación, a Federación Galega de Esquí Náutico pretende reforzar a infraestrutura dispoñible para o adestramento e a competición, facilitando que os clubs federados conten con campos de slalom plenamente funcionais e seguros, favorecendo así o crecemento e a consolidación do esquí náutico en Galicia.

Nos vindeiros días, a FGEN informará do procedemento que deberán seguir os clubs interesados para solicitar a cesión temporal dun destes campos de slalom.